Wednesday 15 de May de 2024

A Xunta desenvolverá aulas de emprendemento en 22 centros de FP o vindeiro curso


— Favorecerán que o alumnado poida poñer en marcha as súas propias ideas de empresa

— Trátase dunha novidosa iniciativa para dar valor engadido á formación dos estudantes

A Xunta de Galicia vén de resolver a primeira convocatoria para impulsar a creación de Aulas de emprendemento nos centros que imparten ensinanzas de FP. En total serán 22 os centros galegos que incorporen o vindeiro curso actividades de emprendemento, que teñen como obxectivo seguir avanzando na calidade da formación que se ofrece na FP galega a través da iniciativa emprendedora do alumnado.

Con eles, o Goberno galego afonda, ademais, na súa aposta por estreitar o vínculo entre Formación Profesional e empresa, como vía para dar un valor engadido á preparación que os estudantes acadan nos ciclos formativos, así como como mecanismo de retroalimentación entre o sistema educativo e o produtivo.

Esta iniciativa enmárcase, así mesmo, no Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia, EduEmprende, para o fomento do espírito emprendedor no ensino co obxectivo de lograr un avance sensible na cultura do emprendemento no alumnado e propor instrumentos que permitan coñecer os logros alcanzados. Estas actividades de emprendemento desenvolveranse en estreita relación coa rede de viveiros do programa EduEmprende, como espazos de emprendemento asociados aos viveiros da rede.

Os centros beneficiarios desta primeira convocatoria son os recollidos na seguinte táboa:
Provincia Concello Centro
A Coruña A Coruña CIFP Imaxe e Son
A Coruña A Coruña CIFP Paseo das Pontes
A Coruña A Coruña CIFP Someso
A Coruña A Coruña IES Urbano Lugrís
A Coruña Carballo IES Monte Neme
A Coruña Ferrol CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro
A Coruña Ferrol CIFP Leixa
A Coruña Narón IES Terra de Trasancos
A Coruña Pontedeume CIFP Fraga do Eume
A Coruña Ribeira CIFP Coroso
A Coruña Rianxo IES Félix Muriel
A Coruña Zas IES Maximino Romero de Lema
Lugo Lugo CIFP Politécnico de Lugo
Lugo Foz IES de Foz
Lugo Monforte de Lemos IES A Pinguela
Ourense Ourense CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel
Ourense Ourense CIFP Portovello
Ourense Ribadavia IES O Ribeiro
Ourense Vilamarín IES Vilamarín
Pontevedra Pontevedra CIFP A Xunqueira
Pontevedra Pontevedra CIFP Carlos Oroza
Pontevedra Vigo CIFP Manuel Antonio
Estas actuacións permitirán que o alumnado destes centros conten cun soporte administrativo, técnico e de infraestruturas nas primeiras fases dun proxecto emprendedor, similar ao dun marco de desenvolvemento dunha startup. Para iso, os centros participantes proporcionarán ao alumando a través desta iniciativa un sistema de orientación, guía e titorización das ideas emprendedoras aportadas polo propio alumnado, en particular do alumnado que está próximo a finalizar os seus estudos.

Deste xeito, os estudantes da FP galega e os recentemente titulados nestas ensinanzas poderán recibir o asesoramento e axuda necesarias para desenvolver as súas ideas de empresa. Se o proxecto alcanzase un nivel de madurez suficiente para a súa posta en marcha e requirise dun espazo para o seu desenvolvemento, desde a aula faranse as xestións necesarias para a súa integración nun viveiro da Rede de viveiros de empresa en centros educativos da Xunta de Galicia.

No marco da iniciativa, realizaranse tamén actividades formativas para o fomento das habilidades e competencias que o alumnado debe adquirir para ter un enfoque emprendedor, tales como as persoais, sociais, relacionais, de comunicación, de definición de produto ou de desenvolvemento de prototipos e propostas.